Blogia
Ensino de segundas linguas

Un novo caderno

O obxectivo deste caderno de bitácora e recoller e organizar información de recursos dixitais para o ensino de novas linguas a estudantes inmigrantes. A continuación recollemos o manifesto de Santander, ó que nos adherimos

 

 

Manifesto de Santander

O ensino de segundas linguas a inmigrantes e refuxiados

Limiar

O desexo de encontrar mellores condicións de vida, incluídas condicións sociais, laborais e educativas, é unha aspiración común e un dereito de calquera individuo. Entre os recursos máis comúns para conseguir tales propósitos, a inmigración ten sido unha constante na historia da humanidade. Hoxe os movementos migratorios constitúen unha das realidades máis evidentes das sociedades actuais.

As sociedades receptoras, que se benefician en moitos sentidos pola chegada de persoas inmigrantes, deben proporcionar unha atención global a estes novos grupos de poboación, considerando as múltiples facetas do individuo e as súas necesidades. Así, o acceso ao traballo, á sanidade, á educación e á participación cidadá teñen que regularse mediante procedementos claros e integrais. Trátase de dereitos universais que non só se deben garantir senón ofrecelos cuns niveis xerais de calidade máis aló do lugar de procedencia.

Neste sentido, a aprendizaxe da nova lingua ou linguas é unha das primeiras necesidades que experimenta a poboación inmigrante con idiomas diferentes aos da sociedade de acollida. No contexto social, laboral e escolar, a aprendizaxe da lingua é un factor fundamental para o desenvolvemento integral do individuo e a súa incorporación activa á sociedade.

Especialmente importante por afectar á construción da sociedade do futuro é a escolarización da rapazada e da mocidade das familias inmigrantes. Cando a lingua de orixe non coincide coa lingua de acollida, este feito esixe unha aprendizaxe específica da lingua que facilite o acceso ao currículo escolar e proporcione as ferramentas lingüísticas e cognitivas adecuadas para o aproveitamento de todos os niveis do noso sistema educativo.

O presente documento é o resultado da reflexión dun bo número de especialistas en ensino do español. As persoas que asinaron este manifesto proveñen de todos os ámbitos implicados no ensino de segundas linguas: os centros educativos, a administración, as universidades, a formación inicial e permanente do profesorado, os sindicatos, as ONG e outras institucións. Reunidos os días 10, 11 e 12 de setembro no Campus das Llamas, sede dos cursos para estranxeiros da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (Santander), quixeron afondar na realidade e a problemática do ensino de segundas linguas. Este manifesto é a primeira conclusión do encontro e responde á necesidade de facer pública a análise e as propostas que alí xurdiron para que calen na política e a xestión educativas e contribúan á súa revisión e mellora.

O manifesto pretende ser un documento de traballo aberto á reflexión e ao debate, o mesmo que a súa xestación. A través del, preténdese propoñer unhas liñas fundamentais, con valor programático, en relación co ensino de linguas a inmigrantes, desde unha perspectiva moderna, baseada na investigación e a innovación educativas, centrada nos estudantes e sabedora da idiosincrasia do noso sistema educativo. Por iso, o manifesto enuncia algúns dos principios fundamentais nos que basear tanto a actuación como a investigación educativas sobre o ensino de linguas a inmigrantes.

Manifesto

É urxente e necesaria a integración do ensino das segundas linguas (L2) no marco dunha política global de atención á poboación inmigrante, que teña consideración do individuo mais tamén da familia e da comunidade, e que impulse un sentido de conciencia lingüística en todos aqueles servizos que a sociedade de acollida ha prestar á persoa inmigrante.

Reivindicamos un plan xeral de organización, normalización, regulación e avaliación do ensino de segundas linguas a persoas inmigrantes e refuxiadas. Este plan, impulsado polo Ministerio de Educación e Ciencia e coordinado co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, deberá ser consensuado coas comunidades autónomas e outras administracións e organizacións sociais e incluirá os medios necesarios para levalo á práctica.

A necesidade de aprendizaxe de segundas linguas é común a individuos de procedencias distintas e niveis socioeducativos diferentes que, porén, activan idénticos mecanismos cognitivos e seguen procesos similares.

O ensino de segundas linguas a grupos de persoas inmigrantes e refuxiadas ten que considerarse dentro do marco xeral da didáctica de idiomas (paradigma comunicativo, sentido holístico, perspectiva intercultural, dimensión afectiva, aprendizaxe autónoma e cooperativa…). A situación socioeconómica dos estudantes inmigrantes non pode xustificar a aplicación de prácticas alleas ao ensino actual de linguas.

A través da aprendizaxe de segundas linguas favorécese a adquisición dunha competencia plurilingüe e pluricultural que beneficia o conxunto da sociedade.

O profesorado é un dos axentes chave no proceso educativo. O ensino de segundas linguas a persoas inmigrantes e refuxiadas precisa de docentes especialistas que poidan garantir un nivel de calidade equiparable ao que existe no resto da oferta educativa.

Ningún programa de formación continua ou especialización do profesorado de segundas linguas terá sentido se non se acomete, seria e urxentemente, a dignificación e regulación administrativa da profesión docente. Este feito é especialmente urxente no caso do profesorado de español como lingua estranxeira. A isto poden contribuír as administracións públicas co recoñecemento da especificidade desta formación.

Reivindicamos unha oferta académica universitaria de calidade que, aproveitando a inminente implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, inclúa materias de ensino de segundas linguas nas titulacións de grao correspondentes, así como titulacións de posgrao adecuadas a esta demanda formativa.

É absolutamente necesario potenciar a investigación na adquisición e ensino de segundas linguas para este grupo social.

É necesario deseñar un currículo específico de segundas linguas que sirva de orientación para o deseño, desenvolvemento e avaliación da práctica docente. O devandito currículo fundamentarase no marco común europeo de referencia para as linguas.

A organización docente do ensino de L2 a persoas inmigrantes e refuxiadas debe ser flexible abondo para atender as necesidades reais do alumnado inmigrante, tendo en conta a súa diversidade.

Para os nenos, nenas, mozos e mozas inmigrantes escolarizados, a adquisición dunha competencia lingüística comunicativa xeral é tan importante como a dunha competencia lingüística académica que lles permita acceder ao currículo escolar.

O respecto e mantemento da lingua e cultura de orixe do alumnado inmigrante é un elemento de gran valor para a aprendizaxe de segundas linguas. Esta circunstancia debe garantirse nos centros educativos coas medidas organizativas e materiais necesarios para iso.

Cómprelle a quen ten a responsabilidade educativa fomentar o deseño de materiais de calidade para o ensino de segundas linguas, así como a súa avaliación e difusión.

É necesario deseñar cursos específicos para persoas adultas relacionados cos seus intereses concretos e que conteñan os seus diferentes niveis de formación e cualificación profesional. Para iso é preciso considerar o ensino de segundas linguas con fins xerais e laborais. O obxectivo destes últimos debe ser a cualificación no plano lingüístico e profesional. No seu deseño e posta en marcha deben participar os diferentes axentes sociais (empresarios, sindicatos e administracións).

Os centros de educación de persoas adultas deben desempeñar un papel fundamental na posta en marcha dos programas de segundas linguas e na coordinación con outras organizacións sociais das diferentes actuacións educativas que se realicen neste campo.

Recomendamos a creación dunha plataforma de observación e catalogación das distintas accións e boas prácticas levadas a cabo tanto no noso país como no Estado e nos países da nosa contorna.

Os programas de ensino de segundas linguas a grupos de inmigrantes e refuxiados deben transmitir e defender os mesmos valores democráticos de igualdade e respecto que inspiran o noso actual sistema educativo.

 

0 comentarios